Thursday 02 de May de 2024

O concello organiza un concurso en tiktok para concienciar contra a violencia de xénero


O certame repartirá 600 euros en premios.

No marco do programa municipal de actividades en torno ao 25 de novembro, o Día Internacional para a Eliminación da Violencia Contra as Mulleres, o Concello organiza un concurso de vídeos en TikTok para concienciar sobre esta problemática social, promover a igualdade de xénero e impulsar a reflexión, a conciencia crítica e, ao mesmo tempo, a creatividade das persoas participantes.

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) da Coruña publica hoxe as bases do certame, que vai dirixido tanto ao alumnado do IES Agra de Leborís -a partir de 13 anos de idade- como a calquera persoa maior de idade que estea empadroada no termo municipal da Laracha. Precisamente a elección da rede social TikTok vén motivada pola súa popularidade entre o público adolescente e xuvenil.

Para participar é preciso enviar un único vídeo, sexa individual ou grupal, a través do formulario que estará dispoñible na web municipal alaracha.gal entre o 19 e o 24 de novembro. A temática debe ser a establecida para o concurso, estar realizado na app TikTok, ter unha duración de entre un e tres minutos e incluír o hashtag #alarachaunidafronteasviolencias.

Os vídeos subiranse ao Instagram @xuventudealaracha o 25 de novembro. Aqueles que obteñan máis “gústames” ata o 9 de decembro ás 10:00 horas serán os gañadores dos seguintes galardóns:

  • 1º premio: 300 euros.
  • 2º premio: 200 euros.
  • 3º premio: 100 euros.

 

A relación das persoas gañadoras farase pública na web e nas redes sociais do Concello o día 12 de decembro.